Wednesday 15 de May de 2024

O escultor local Gonzalo Sarasquete, gañador do concurso artístico para crear un monumento ao percebe en Aguiño


Catro crustáceos de catro metros de altura cada un compoñen a proposta distinguida, que se levantará no entorno portuario

Gonzalo José Sarasquete Fernández. Será este escultor riveirense, nacido no ano 1961 e afincado en Palma de Mallorca, quen se encargue de crear un monumento ao percebe que se erixirá na localidade de Aguiño, tras gañar por decisión unánime do xurado o concurso artístico convocado polo Concello con este fin.

O alcalde Manuel Ruiz deu a coñecer hoxe a identidade o artista nun acto no que estivo acompañado da concelleira de Cultura Elvira Pisos. O rexedor municipal recordou que foron cinco as propostas presentadas e destacou o alto nivel acadado neste certame en opinión dos integrantes do xurado: un xurado que estivo presidido polo propio alcalde e formado pola concelleira de Cultura; o decano da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Monterroso Montero; o profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Manolo Dimas Salamanca; o profesor de Historia da Arte da USC, José Manuel López Vázquez; a directora do Museo do Gravado de Artes, Rocío Hermo; e o patrón maior de Aguiño, José Antonio Santamaría (Unai González exerceu de secretario).

A obra de Sarasquete foi presentada baixo o pseudónimo de “Mar bravo, mar limpo” e o título “Percebes xigantes”. O xurado coincidiu en destacar “a orixinalidade da idea e dos materiais empregados para a elaboración deste proxecto ao apostar por cada unha das pezas que emprega, ademais da complexidade técnica que se presenta cunha adaptación ideal á contorna urbana do porto de Aguiño”. Así mesmo, salienta “a súa semellanza ao crustáceo de Aguiño ao buscar a monumentalización do elemento e respecto á súa fisionomía e realidade facéndoo coñecido por todos, xa que o autor propón reproducir un percebe de Aguiño a escala, multiplicando aproximadamente por cen o seu tamaño orixinal”.

Menhires
Neste senso, a obra gañadora está integrada por catro percebes de pedra artificial monocroma branca de catro metros de alzada por 1,60 de diámetro máximo, que aparte de ser reproducións “naturalistas” do percebe de Aguiño (Pollycipes cornucopia), evocan o mundo dos menhires e crómlechs. O autor propón a posibilidade de iluminalas pola noite con filtros de cor. A creación en tamaño real da obra ten unha duración estimada de entre tres e catro meses (hai que ter en conta que se teñen que crear catro moldes independentes, pois cada percebe é singular e diferente aos demais). A intención é poder inaugurala con motivo da próxima edición da Festa do Percebe.

Manuel Ruiz manifestou que con este monumento se pretende identificar a Aguiño como a capital do percebe, ao tempo que sirva tamén para darlle un valor engadido a este produto, é dicir, para darlle prezo.

Para explicar isto o alcalde puxo o exemplo doutras iniciativas gastronómicas como a vinculación do cocido con Lalín ou o Albariño con Cambados. “É o momento de que cando pensemos en percebe, pensemos en Aguiño” e, a este respecto, o monumento que se vai levantar servirá para que calquera que visite o lugar reparará na súa identificación con este crustáceo, saiba ou non con anterioridade deste vínculo.

José Gude
Ruiz Rivas manifestou tamén que é intención do Concello que a obra que acadou o segundo lugar (“Festa do Percebe”, unha escultura en azulexo de José Andrés Gude Teira), poida servir de base para a realización do merchandising así como a confección das figuras que se entreguen aos percebeiros de honra durante a festa gastronómica. Será algo que se lle vai propoñer ao propio creador para ver de acadar a súa conformidade con esta idea.